PREGUNTAS FRECUENTES

Unha SOFOR é unha agrupación de parcelas privadas onde as persoas propietarias, voluntariamente e mantendo a propiedade destas, ceden os dereitos de uso para o seu aproveitamento durante un mínimo de 25 anos a unha sociedade de responsabilidade limitada. Nas SOFOR poderá entrar capital privado, que en ningún caso poderá superar o 49%, coa intención de que o control da sociedade estea nas mans dos propietarios forestais.

A superficie mínima que se ten que xestionar conxuntamente é:

  • ƒPlantación forestais de froito: 15 hectáreas.
  • ƒPlantacións de frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas: 25 hectáreas.
  • ƒOutras plantacións ou aproveitamentos forestais: 50 hectáreas
  • Os montes das distintas persoas propietarias deben ser contiguos ou moi próximos, se ben poden estar situados ata en 3 unidades de superficie en couto redondo, sempre que cada unha delas teña polo menos o 25% da superficie mínima establecida para cada un dos casos.
  • Se inicialmente non se conta con todas as persoas propietarias necesarias para alcanzar a superficie mínima, deberase tratar coas propietarias contiguas para a súa incorporación á sociedade, e se algunha decide non participar, poderá incluírse ata un 30% de superficie de propiedades non incluídas na sociedade, que non computarán para os efectos de alcanzar a superficie mínima esixida.
  • As unidades de superficie deberán estar nun mesmo termo municipal ou en termos municipais estremeiros, e non se verán interrompidas por límites naturais (ríos), artificiais (vías de comunicación) nin administrativos (concellos, provincias).

Nas Sociedades de Fomento Forestal, o sistema de incorporación é voluntario, de xeito que non se vai obrigar a ninguén a entrar na SOFOR se non quere. É por iso que se estableceu un límite do 30% de encravados ou de superficie non incluída na sociedade en cada unha das unidades de superficie en couto redondo, de xeito que non computarán para acadar a superficie mínima esixida establecida polo decreto regulador. É dicir, pode haber propietarios que teñan parcelas limítrofes ou que queden no medio das parcelas a xestionar pola SOFOR e que non queiran entrar na Sociedade, e non habería problema, sempre que non superen ese límite do 30% de encravados.

A superficie forestal a xestionar por unha SOFOR poderá estar formada por ata un máximo de 3 unidades de superficie en couto redondo, e cada unha desas unidades deberá ter unha superficie computable de polo menos o 25% da superficie mínima establecida en cada caso:

  1. Se estamos a falar de plantacións forestais de froito, a superficie mínima a xestionar conxuntamente por unha SOFOR é de 15 hectáreas, e se está formada por 3 unidades de superficie en couto redondo, a superficie mínima de cada unha delas é do 25% da superficie mínima esixida, é dicir, 3,75 hectáreas.
  2. No caso de plantacións de frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas (por exemplo carballos), a superficie mínima é de 25 hectáreas, e nese caso a extensión mínima de cada unidade de superficie en couto redondo será de 6,25 hectáreas (25% de 25 hectáreas).
  3. Finalmente, cando se trata doutras plantacións ou aproveitamentos forestais (por exemplo unha plantación de piñeiros), a superficie mínima a xestionar conxuntamente pola SOFOR é de 50 hectáreas, e a de cada unidade de superficie en couto redondo será do 25% do total, é dicir 12,50 hectáreas.

O obxectivo das SOFOR é facer una xestión forestal sustentable e conxunta entre varios propietarios forestais, e por iso eses límites en canto á participación no capital social, de xeito que como mínimo una SOFOR deber estar formada por tres persoas socias.

Ademais, a maioría dos dereitos de voto debe ser dos propietarios forestais, de xeito que sexan estes os que teñan o control da sociedade á hora de tomar as decisións importantes na Xunta Xeral de socios.

Nunha SOFOR o propietario unicamente está a ceder o dereito de uso da súa parcela durante un prazo mínimo de 25 anos para o seu aproveitamento pola SOFOR, e finalizado ese prazo o propietario recuperaría o pleno dominio e uso da mesma, agás que se prorrogue esa cesión por máis tempo. Por iso o propietario nunca pode chegar a perder a súa parcela, porque mantén en todo momento a propiedade da mesma. Por exemplo isto instrumentaríase a través dunha prestación accesoria, un contrato de aluguer, ou calquera outra forma xurídica válida.

A diferenza radica fundamentalmente na xestión forestal, xa que resulta moito máis doado e económico en proporción, xestionar 100 hectáreas de varios propietarios, que xestionar 2 hectáreas que poida ter un particular no monte.

Ademais, ao ter máis superficie forestal a xestionar deforma conxunta, permite a aplicación de Instrumentos de Planificación da Xestión Forestal para acadar unha xestión forestal sustentable.

Deste xeito, o obxectivo é que todos os anos haxa uns pequenos rendementos ou beneficios, xa sexa ben porque hai diferentes quendas na corta de madeira, ben porque haxa outro tipo de aproveitamentos, como poden ser castañas, cogomelos, caza, etc… de xeito que se repartan eses beneficios entre os socios, vía dividendos, vía remuneración das prestacións accesorias ou calquera outro acordo ao que chegasen os socios.

Documento de preguntas e respostas da Xunta de Galicia

Prema no icono para ver un documento con máis de 200 preguntas e respostas sobre Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR).